jueves, 23 de junio de 2011

Fin.

Incriblemente chegou o día que todos esperábamos, chegou o final de segundo de bac. A verdade é que pensaba que ía estar eufórica, celebrando por todo o alto que este duro curso remata, pero agora mesmo só teño ganas de pensar e descansar. A loita non acabou aquí de ningunha maneira, queda aínda o selectivo, pero levarase a cousa de forma moito máis pausada: seremos nós os que marquemos o ritmo e o relax nótase.

Hoxe non acaba só un curso, senón toda unha etapa: son xa seis anos os que levo no instituto e, agora que isto se acaba, boto a vista atrás e vexo que todo pasou demasiado rápido. Recordo con especial tenrura o primeiro día que pasei entre aquelas paredes, un peculiar día, anecdótico coma o que máis. Daquela era unha nena de tan só 12 anos que acababa de deixar o colexio para meterse naquela xungla de rapaces e rapazas "maiores".

Foron seis anos tan iguais e tan diferentes! Durante esta etapa vivín toda clase de momentos, coñecín a todo tipo de persoas (algunhas marabillosas, outras simplemente pasaron desapercibidas) e, sobre todo, fíxenme maior. E teño que dicir que especialmente me marcou este curso, pois notei que entre a Ana de setembro e a Ana de agora hai un abismo de diferenza impresionante, algo que xamais pensei que ía ocorrer. A forma de ver os problemas, de solucionalos, de ver a vida en xeral; todo, todo cambiou para min.

Como corresponde a todo momento decisivo da vida, este ano tiven que darme conta das persoas coas que se pode contar e coas que non. É algo duro que hai que atravesar, pero a medida que foron pasando os anos, unha foi descubrindo a verdadeira forma de ser dalgunhas persoas. E reitero que as hai marabillosas, ás cales lles debo case que a vida, pero sempre ten que haber excepcións que confirmen a regra. Serán cousas da selección natural de Darwin.

Podería pasarme aquí un ano enteiro escribindo tódalas emocións, momentos inolvidables, etc; que pasei este curso. Sen embargo, limítome ao xenérico ámbito dos gustos e fago aquí unha clasificación cuantitativa daquelo que me gustou deste ano e das cousas que quizais non tanto:


    O QUE ME GUSTOU:


  • A comprensión recibida, en todo momento, polos profesores do centro (sempre con excepcións, non todo ía ser perfecto), que souberon poñerse no noso lugar no bo e no malo. Destaco tamén o descenso paulatino da frialdade característica da relación profesor-alumno. Chegáronse a ver como compañeiros, mostrándose moi próximos a nós e sempre dispostos a axudar.


  • Somos unha piña. É incrible o compañeirismo que se desprendeu neste curso, a situación na que estabamos facíanos colaborar uns cos outros e se alguén necesitaba algo, xa estaba alí media clase para resolvelo. Conseguimos, en parte, eliminar as posibles diferenzas que puidera haber entre nós. Era como si, indirectamente, soubéramos que isto ía ser difícil e que íamos ter que precisar uns dos outros máis que nunca. Este xogo deixou de ser de nenos.

  • Aprezar os pequenos detalles. Cando a situación xa non se podía soster (exames, traballos, madrugóns...) era típico valorar cousas tan aparentemente ínfimas coma unha viaxe en bus, unha ducha ou unha comida cos pais: realmente aprendín a darlles importancia a eses momentos nos que conseguía desconectar un pouco daquel abafante mundo.

  • Sorrisos, miradas cómplices...daba igual que tiveramos 3 exames nun día: se alguén soltaba unha burrada, 30 segundos de risa non nolos quitaba ninguén.

  • Afianzar amizades. Gustoume moito ter collido tanta confianza con algunhas persoas coas que o ano pasado apenas me trataba. A nivel persoal é moi gratificante.

  • Houbo en novembro un día no que eu non estaba no meu mellor momento. En segundos tiña a toda a clase dándome ánimos. Un xesto impresionante.

  • O intercambio con Italia. Visitar Milán foi unha das mellores experiencias e convivir cositalian@s fíxonos ver que non hai tantas diferenzas entre todos nós a pesar da distancia.

  • Ante todo, optimismo. Sorprendinme a min mesma en situacións nas que estiven por tirar a toalla. Algo desesperada, sobre todo ó principio e, sen embargo, había algo dentro de min que me dicía que continuara, que había que intentalo ata o final.

  • Erros, erros e máis erros, e aprender deles, e seguir. Outra non quedaba. Perseverancia.

  • 18 cumpleaños. Agradézolle aos meus amig@s todo o que fixeron por que ese día fose o mellor de todos, destacando polo seu colorido de entre todos os demais grises.



O QUE NON ME GUSTOU:


  • Os piques, discusións e enfados innecesarios que xurdiron a partir das notas e dos exames. Entre nós sempre houbo bo feeling, pero ás veces chocabamos.

  • Deitarse ás doce, levantarse ás cinco. Unha tortura que parecía non ter fin e que facía que nas clases os párpados me caeran sós.

  • Non eran os exames, nin a cantidade de materia, nin a dificultade: era esa frustración que se sente cando te encontras cunha malísima nota despois de ter estudado moito. Pasoume a min e pasounos a todos. E o peor non era iso, non, o peor era seguir cara diante e olvidarse de todo, cousa fina.

  • Pasarme as vacacións de Nadal estudando. Foron bonitas, si señor.

  • Rutina: sabes que estás nela cando ves certo grado de mecanización nos teus días. Eu chegueime a sentir un auténtico robot.

  • Chegar á casa e...estudar. Comer, e despois diso, estudar. Estudar e, despois diso, estudar.

  • Non ter tempo para ler un triste libro porque tes que ler 5782965827652 que che mandan na clase. Nin para ver películas! En total perdinme 5 estrenos de cine por culpa dos exames. Películas que quería ver na gran pantalla e que agora terei que facer vía online e pola escurridiza pantalla do portátil.





Se teño que escoller unha palabra, esa será GRACIAS, pois o que aprendín nestes 6 anos serviume para dar un gran paso e crecer un pouco máis a nivel académico, pero, sobre todo, a nivel persoal.








Din que se unha etapa acaba, outra nova comeza. Tamén din que a que vén será a mellor das nosas vidas.




No hay comentarios:

Publicar un comentario